sábado, 14 de marzo de 2020

O Concello pecha todas as instalacións municipais e recomenda facer as xestións telematicamente ata o día 29 de marzo


O Concello de Vilagarcía, seguindo as directrices marcadas polo Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade, adoptou unha serie de medidas restritivas e excepcionais tendentes a tratar de frear a expansión do COVID 19. Con carácter xeral, entre o 13 e o 29 de marzo, o Concello de Vilagarcía pechará todas as instalacións culturais e deportivas, oficinas de turismo e centros formativos municipais. O Concello continuará funcionando, pero prégase á cidadanía que realicen ás súas xestións ante a administración local vía telemática ou telefónica, sempre que sexa posible. O Alcalde, Alberto Varela fai un chamamento á tranquilidade, pero tamén á responsabilidade individual e colectiva á hora de cumprir as recomendacións das autoridades sanitarias.


13.03.2020.- A primeira hora desta mañá Varela asinou unha resolución da Alcaldía onde se ditan as medidas en detalle todas as medidas excepcionais que se poñen en práctica a partir de hoxe e que tamén se publicarán nun bando.

No que se refire á Seguridade Cidadá, mantéñense completamente activos os servizos de Policía Local e Emerxencias co todos os seus efectivos dispoñibles, prendo a posibilidade de reforzar quendas.

As instalacións municipais que quedan completamente pechadas ao público a todos os efectos son os centros socioculturais das parroquias, os centros educativos municipal (Escola Infantil, Conservatorio, Escola de Música, escola Taller, Cemit, Centro de Formación de Matosinhos), a Biblioteca Municipal, o Auditorio, o Salón García, a sala de exposicio´ns Antón Rivas Briones, a oficina de Turismo e todas as instalacións deportivas municipais, incluída a piscina.
Como consecuencia, suspéndense todas as actividades culturais e deportivas que estaba previsto desenvolver nas instalacións municipais entre o 13 e o 29 de marzo. No que aos actos culturais se refire, tratarase de poñer novas datas a todos os eventos e espectáculos previstos nese período e, de non ser posible encaixar outra data, devolverase o importe das entradas.

Tamén se suspenden as actividades deportivas organizadas pola Fundación Municipal de Deportes.

Tamén se precintarán os parques infantís para evitar a confluencia de moitos nenos nestas zonas, dado que o obxectivo destas medidas é precisamente, evitar as aglomeracións que facilitan os contaxios e a expansión do coronavirus.
A Praza de Abastos continuará funcionando con normalidade, pero se suspende o mercado dos martes e sábados e a venta ambulante.

Tamén se pide aos cidadáns que nas súas relacións coa administración local, eviten acudir fisicamente ao Concello e que, sempre que sexa posible, realicen as súas xestións por vía telemática, a través da sede electrónica (sede.vilagarcia.gal) ou do teléfono.

Estas medidas adoptáronse despois da reunión que Alberto Varela, en calidade de presidente da FEGAM, mantivo onte pola tarde co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña para concretar as directrices xerais que deben seguir os concellos galegos para ditar as medidas contra o coronavirus. O rexedor vilagarcián explicou que, respectando esas directrices comúns a todos, cada Concello determina o alcance das medidas que toma na súa localidade en base ás propias competencias municipais e en relación aos efectivos e medios dos que dispón cada un.

O bando municipal apunta tamén os teléfonos do Concello aos que se pode dirixir á cidadanía (Concello 986 099 200, Policía Local 986 501582, Servizo Municipal de Emerxencias 986 512020 e Servizos Sociais 986 099 200 ext. 139).

Comisión de seguimento
Todas as medidas adoptadas polo Concello foron comunicadas a todos os grupos da Corporación polo propio alcalde, que tamén anunciou que se crea unha comisión especial para facer seguimento da situación e, de ser necesario, ir adoptando novas medidas ou modificando as existentes.

Colaboración e responsabilidade cidadá

O rexedor vilagarcián explicou que as administracións, en situacións excepcionais como as que estamos a padecer a nivel mundial con esta pandemia, teñen o deber e a responsabilidade de ditar as medidas que se consideren necesarias, neste caso, para conter a expansión do virus. Pero incidiu tamén en que para que sexan realmente efectivas é imprescindible a máxima colaboración dos cidadáns. “Apelamos á responsabilidade individual e colectiva dos veciños, pedimos que respecten as recomendacións que están a dar as autoridades sanitarias e as normas impostas polo Concello durante estes quince días. Temos que ser responsables e solidarios, mantendo a tranquilidade, pero adoptando as medidas preventivas sinaladas, porque doutro xeito non servirán de nada”.

Tamén lembrou que as persoas que presenten síntomas de tose, non deben acudir aos centros sanitarios se non é estritamente necesario. Deben permanecer nos seus domicilios e chamar ao teléfono de atención aos afectados polo COVID 19 habilitado pola Xunta, o 900 400 116, onde lle darán as indicacións necesarias a seguir. Deste xeito evítase colapsar o sistema sanitario e facilitar que a atención médica se centre nos casos que realmente o precisan.

O Concello informará puntualmente á veciñanza a través deste portal e das súas contas nas redes sociais de facebook e instagram.

No hay comentarios:

Publicar un comentario