domingo, 26 de abril de 2020

O Concello compra máscaras FFP2 para colectivos vulnerables e anuncia as primeiras medidas para a recuperación

CONCELLO. 24.04.2020

O Concello de Vilagarcía adquirirá 12.000 máscaras FFP2 para repartir de forma gratuíta entre os colectivos máis vulnerables ao coronavirus: maiores de 65 anos e persoas con patoloxías previas. A medida anunciouna o alcalde, Alberto Varela, tras a xunta de voceiros mantida esta mañá a través de videoconferencia na que se tratou este asunto, así como as primeiras medidas que se porán en marcha dende Ravella de cara á reconstrución económica e social de Vilagarcía: reforzo dos Servizos Sociais, creación dunha liña de axudas directas aos negocios afectados pola crise, unha campaña de dinamización de comercio, hostalería e todo tipo de pequenos negocios a través de bonos compra subvencionados polo Concello e un Plan de Continxencia do sector turístico. A estas medidas súmanse as bonificacións e exencións fiscais anunciadas previamente e que de desenvolverán e concretarán nas vindeiras semanas, como as bonificacións fiscais.

O alcalde comentou que “a estas alturas xa todos somos conscientes de que esta pandemia vai a impoñer cambios a corto e medio prazo na vida das persoas e na forma de relacionarnos que tiñamos ata o de agora e que, tras a crise sanitaria haberá un forte crise económica, da que temos que intentar saír entre todos e canto antes”.
Baixo estas dúas premisas traballa o Concello para abordar segunda etapa desta crise, na que, mantendo a prioridade na atención social “que vai a facer moita falta”, as medidas municipais orientaranse á recuperación e dinamización da actividade económica, social e cultural do municipio.

MEDIDAS PARA A DESESCALADA

- Adquisición e reparto de máscaras
O Concello compra 12.500 Máscaras do tipo FFP2, que teñen unha validez efectiva para 5 días de uso, e que suporán un gasto de 20.000 euros.
Esta medida xa se acordara a semana pasada cos voceiros de todos os grupos da oposición na reunión da semana pasada, tanto no relativo á compra como ao tipo de máscara, desbotando as de un so uso para e optando por unhas de maior durabilidade e protección. Os voceiros tamén se mostraron de acordo en que había que priorizar o reparto entre os colectivos máis vulnerables, por iso vanse distribuír aos maiores de 65 anos (8.103 persoas censadas en Vilagarcía) e a quen presente patoloxías que os convertan en persoas de risco especial. Os criterios son os que recomendan as autoridades sanitarias e a OMS.
A orde de compra xa foi dada e tan pronto se sirva o pedido darase a coñecer o sistema de distribución que, en todo caso, debe manter a cadea de seguridade e hixiene para garantir que o produto chega en perfectas condicións ao usuario. A previsión é que estean repartidas de cara ao levantamento do estado de alarma e o remate das normas de confinamento.

- Última fase da reincorporación progresiva da actividade municipal presencial
A semana pasada comenzaron a traballar a metade dos servizos externos do Concello. A partir do luns, empeza a metade do persoal nos servizos internos, mantendo as normas de distanciamento e protección e turnando coa outra metade que, cando non estea no Concello traballará telematicamente, como ata o de agora, e sempre que os medios o permitan. Despois de 15 días, e se non hai nada que o desaconselle, xa traballará presencialmente o 100% do persoal a diario. O horario de atención ao público nestas dúas semanas de 9 a 14 horas, ampliándose ao habitual, a partir da terceira semana.

REACTIVACIÓN E DINAMIZACIÓN DA ECONOMÍA LOCAL

o Reforzo dos Servizos Sociais 

Se reforzarán o servizos con máis persoal para poder atender e dar trámite ó incremento de solicitudes de axuda que se prevé.

o Axudas económicas


- Liña de Axudas directas de nova creación para negocios que se viran obrigados a deter a súa actividade e sufriran perda de ingresos.
- As axudas á creación de empresas e á contratación por conta allea xa existentes, ampliaranse.
- Elaborarase unha estratexia integrada de reactivación, que implicará a todas as concellerías para coordinar esforzos e actuacións en todos os ámbitos municipais e que contará cos distintos axentes económicos.

o Campaña de dinamización do comercio local 

Se fará no sentido máis amplo (comercio, hostalería, autónomos e outros negocios), mediante a posta a disposición de bonos-compra subvencionados polo Concello. A campaña, que xa está bastante avanzada, presentarase en breve.

ADAPTACIÓN

o I Festa dos Maios Virtual

Este é o primeiro exemplo de cómo o Concello de Vilagarcía irá adaptando as celebracións e festexos que sexa posible, na medida das circunstancias e das normas que se impoñan para continuar combatendo a pandemia do coronavirus. Varela apuntou que “evidentemente os actos multitudinarios parecen imposibles este ano, pero buscaremos fórmulas alternativas para seguir mantendo as tradicións e seguir ofrecendo cultura e divertimento ata que todo volva a normalidade”.

o Apoio e potenciación do sector cultural e artístico local 

A cultura é xeral é outro dos sectores que máis fortemente se está vendo afectado pola crise e o que vai a tardar máis en recuperar a normalidade. De aí que tanto o goberno como os grupos da oposición aposten porque o Concello estableza liñas de apoio e de potenciación do sector cultural e artístico local, apostando polos creadores do municipio á hora de reprogramar a actividade cultural en base ás novas circunstancias.

o Plan de Continxencia do Sector Turístico

No marco do Plan Estratéxico que o Concello está redactando, xa se incluíu a elaboración dun Plan de Continxencia que serva para propoñer ideas e aportar solucións á nova situación que se plantea para que o sector turístico local poida afrontar a crise na mellor situación posible, mediante novos produtos adaptados ás novas circunstancias centrándose no turismo de proximidade e o uso das novas tecnoloxías.

O servizo público, a prioridade exclusiva dos políticos durante a crise

Todas as medidas anunciadas foron abordadas e postas en común cos grupos da oposición na liña de actuación que está mantendo o goberno local, que tendeu a man desde o principio a crise a todos os que estivesen dispostos a colaborar e a traballar conxuntamente e de forma construtiva, como require unha situación tan grave e excepcional como a que estamos a vivir a nivel mundial e que fai imprescindible a unidade. Neste punto, o alcalde volveu a agradecer “a colaboración dos partidos que entenderon este deber cívico e que están demostrando a súa responsabilidade, dando prioridade ao servizo público e deixando de lado o interese político. Tempo se sobra haberá para a crítica canto todo isto pase”, concluíu Varela Paz.

O Concello permite o paseo dos menores por parques e praias baixo estrito cumprimento das normas establecida


Con motivo do levantamento das restricións do confinamento para os nenos e nenas de ata 14 anos, o Concello de Vilagarcía reabre a partires de mañá os parques públicos e as praias do municipio para uso exclusivo do paseo dos menores e para facilitar o cumprimento da norma de distanciamento social que debe manterse en calquera caso. O acceso a estas zonas queda totalmente restrinxido á actividade cos menores e baixo as condicións establecidas polo Estado. O goberno local fai un chamamento á responsabilidade para que o goce da esperada medida de alivio para os cativos e cativas se faga coa prudencia necesaria para non provocar un efecto non desexado no control da pandemia do coronavirus.

25.04.2020.- Dende o Concello lémbrase que so poderán acudir a estas zonas de esparexemento ás persoas cuxo domicilio do menor se atope a menos dun quilómetro de distancia do parque ou praia. Polo tanto, un veciño do Piñeiriño non poderá levar a pasear ao seu fillo á praia da Compostela, nin á de Bamio, pero si ao Castriño, por exemplo.

Os menores de 14 anos deben ir sempre acompañados de un único adulto, podendo un mesmo adulto levar a un máximo de tres menores. Durante o paseo debe manterse sempre unha distancia con terceiros non inferior aos dous metros.

Só se pode realizar un paseo ao día, en horario de 9 da mañá ás 9 da noite, evitando, na medida do posible, facelo en horas punta ou de maior afluencia de xente na vía pública.

Ë imprescindible que tanto os menores como o adulto que os acompañe extremen as medidas de hixiene (lavado de mans) antes de saír da casa é ao regresar a ela.

Lémbrase que non se poderán utilizar as zonas de xogo infantís que poidan existir nos espazos habilitados para o paseo ou noutros puntos, así como tamén permanecen precintadas instalacións e equipamentos deportivos.
Esta media de alivio ten como finalidade contribuír a mellorar o estado emocional e anímico dos cativos tras varias semanas de confinamento e permitirlles facer algo de actividade física, polo que os paseos serán iso, paseos, nos que poderán realizar realizar actividade física e xogos, pero non se permitirán actividades estáticas como, por exemplo deitarse a tomar o sol. Tampouco está permitido o baño.

Dende o goberno local de Vilagarcía faise un chamamento á responsabilidade individual dos vilagarciáns para que cumpran escrupulosamente as normas, de xeito que o goce desta primeira flexibilización do confinamento se realice de forma prudente para que non cause efectos negativos no control da pandemia do coronavirus que fagan preciso volver a restrinxir as normas. Na man de cada un de nos, e de todos como comunidade, está poder seguir freando os contaxios e a expansión da pandemia para poder volver todos ás rúas o antes posible.

O Concello difundirá en medios de comunicación, redes sociais e páxina web municipal as normas dos paseos para os menores de 14 anos, así como os espazos nos que poderán realizarse, onde tamén se colocarán carteis informativos.

As normas e condicións completas establecidas polo Goberno do Estado para rexer o paseo dos menores de 14 anos pódense consultar no BOE publicad hoxe, sábado, 25 de abril, orden a que tamén se recolle a autorización para a apertura de espazos naturais para o desenvolvemento desta medida de alivio do confinamento.